A escola do muíño

De pé. Andamos!

Moverse en grupo é un feito que as persoas realizan dende que o mundo é mundo, que é tanto como dicir dende que a nosa especie, ergueita, deu os primeiros pasos, polos prados de África.
Nacemos nunha familia, nun grupo e, por iso, xa nunca queremos estar sos. Por veces afastámonos un pouco da compaña, por reflexionar, máis que por outra cousa.
Un grupo de persoas que se reúne para sentirse. Para sentirse respirar, para escoitarse. Para andar en compaña cara a calquera parte. E tamén, para divertirse aprendendo.
Sabedores que o tempo da escola, cos seus atrancos e mágoas son, case sempre, os mellores anos da existencia e, en calquera caso, inesquecibles,é polo que este grupo muiñeiro tenta recrealos en toda ocasión.
Unha escola despois da escola, á beira dun río onde se imparte música, teatro, cociña, agricultura ou menciña caseira.
O caso é reunirse e compartir, saberes e ditos. Mirándose arredor dun mantel, sobre a herba, e xantando de vagar. Como de vagar se cociña. Tampouco nos parecen mal as explicacións que de cada prato dá quen o fai, de tal guiso ou daqueloutras filloas, e semella que se nos achega unha fórmula secreta transmitida polos seus xenitores.
Os traballos escolares, reclamados por esta fariñenta organización, nos permiten volver á escola e conseguir sabio alimento. Canto se aprende de quen está aprendendo!
Algúns dos temas dos traballos foron: Os muíños; Os incendios forestais e O cultivo do liño en Galicia.
A preocupación pola conservación da natureza e o polo desenvolvemento sustentado xa está presente nas bases:

“Concurso de traballos escolares que a Festa dos Muíños ten de facer co moi sentido desexo de sementar a ilusión nas escolas e en persoas amantes dun rexurdir da Terra que se nos deu para vivir”.

“Os traballos deberán:
• Concienciar ás xentes da urxente necesidade da defensa do medio.
• Mentalizar de que se precisa dar fin á arrepiante queima dos montes.
• Fomentar a limpeza da auga dos ríos e dos regueiros que regan os nosos campos e a da que nutre as billas dos nosos fogares.
• Inculcar ideas de ordenación do monte, con áreas diferenciadas de fraga, de monte baixo e de prados.
• Lembrar que se precisan masas forestais con accesos racionais, evitando nelas a circulación innecesaria de vehículos.
• Suxerir uns montes e unhas ribeiras como áreas de lecer e como alimento espiritua, con carreiros para disfrutalos.
• Suscitar a creación de asociacións, en singular retesía de ver quen acada máis logros na conservación da natureza e na restauración do patrimonio inmoble e cultural”.

O xurado está composto, as máis das veces, por un economista, un mestre, un escritor e un muiñeiro. A entrega dos premios: Ten lugar na anual Festa do Muíño.
Os premios, como no ano 1987: corenta mil pesetas en dous lotes de libros, un para o escolante e outro para o centro onde se está a formar.
E a seguir, o que se nos ensina neses traballos.

Ano 1985. Os muíños.

Sobre estas construcións emblemáticas, e o futuro delas achéganse detalles e ideas.
Aspectos técnicos, coma este:

“O muíño quere unha boa pedra para moa e para o pe co obxecto de que faga boa fariña, especialmente cando se destina a moer o trigo”.

Avelino Peón Pastoriza
CP Salcedo. 9 anos.

E tamén a simpática nota de Manuel, onde a criatura se decata de que estas construcións son algo máis que un lugar onde se moe o gran:

“Eu téñolle escoitado a meus pais, falar cousas dos muíños e moitas non as entendo ben. Eles tamén algo do que contan escoitáronllelo a seus pais. Cando eles eran pequenos xa poucos muíños funcionaban, pero polo que din, ir ó muíño de noite debeu ser unha festa, algo así coma ir ó cine ou ó Casino de Pontevedra”.

Manuel Francisco Pérez González
Combarro. 10 anos. 1985.

Ano 1986. Os incendios forestais:
As súas causas e a súa prevención.

Os devastadores incendios de 1984, provocaron que o solar galego se tornara dun negro acibeche, ao se ver dende os avións que nos sobrevoaban, e foi polo que os traballos de 1985 tiveran como tema “Os incendios forestais”. A resposta foi ampla e disto dannos mostra os seguintes textos extraídos dos traballos presentados:
As causas dos incendios son analizadas polo miúdo:

“Pero o que si esta claro é quen se beneficia dos incendios. Por un lado, e sobre todo, as grandes industrias que mercan a madeira a prezo de saldo, cando a elas lles fai o mesmo servizo que a verde (calcúlase que a madeira queimada aprovéitase o 15 % menos que a verde); e por outro lado os madeireiros, que a mercan nas puxas en mellores condicións aínda que a verde, ademais de que a cortan con menos control e presenta menos problemas de limpeza de ramas. É fácil ver que as condicións normais de mercado de madeira verde, son pouco favorables aos madeireiros pequenos, os cales cos incendios teñen a posibilidade de conseguir unhas marxes maiores de beneficios que lles permiten seguir no mercado”.

E pásase a propoñer medidas preventivas:

“… a base de que os veciños, en colaboración co concello, limpen os montes e os vixíen día e noite”.

Para a continuación:

“De todos os xeitos, a longo prazo, coido que a mellor maneira de rematar co lume é devolver os montes aos veciños, aínda que hoxe en día xa están practicamente devoltos, pois ao sentirse donos, defenderanos como cousa deles”.

Rematando cunha frase de fonda rebeldía interior propia da idade e do desexo de cambiar o estado das cousas:

“Os abusos que fixo ICONA durante anos nos montes, co poder que lle outorgaron os consorcios, fai que hoxe por hoxe sexa un dos principais inimigos da natureza e dos labregos de Galicia a pesar do seu nome – “Instituto de Conservación de la Naturaleza -”, e por todo isto propomos que se lle chame IDENA – “Instituto Destructor de la Naturaleza -”.

Julián Feijoo Regueiro
Póboa de Trives. 16 anos. 1987.
Primeiro premio

Neste traballo recórdasenos a función dos bosques como pulmóns do planeta e os efectos das augas que esvaran polo chan queimado, para continuar cunha poesía que nos instrúe en cómo socorrer ao monte que comeza a arder:

“Estamos destruíndo, sen darnos conta, unha das fontes de osíxeno máis importantes, a vexetación, que é vital para a nosa vida”
“Soamente o que supón de chan espido polos incendios, exposto meses e meses á escorrentía das augas do outono ou do inverno, colocándonos entre os territorios do Estado en fase crítica de erosión.”
Un triste esqueleto rochoso vai ser a faciana de Galicia, se non nos chantamos todos e berramos: ATA AQUÍ! Pero non máis”.

O NOSO MONTE

Se ti vas polo monte
E a un home ou muller o miras queimar,
Non sexas retrasado,
Queixa tes que dar.
O primeiro que debes lembrar
É sempre apagar o monte, sen te queimar.
Despois vaite correndo
A xunto á Policía a parte dar.
E non teñas ningún medo
Porque nada che vai pasar.
Corre, corre, corre
Para chegar canto antes,
Que a ese home haino que atrapar,
Que non pode andar solto
Como anda calquera can”.

Mario Fernández López e demais
Escola Fogar Príncipe Felipe. Montecelo.
Primeiro premio de primaria.

E agora lemos con detalle as funcións das fragas:

“As árbores suavizan as temperaturas no sotobosque, pois actúan coma de sombreiro dos raios solares sobre o chan. A vida no sotobosque será apracible e sen os efectos abafantes do sol prolongado”.
En tempos de chuvia e frío, as árbores amortecerán o petar das pingas de chuvia intensa no chan. O mesmo acontecerá coa friaxe, as árbores protexerán o sotobosque dela.
Así pois, as árbores son como un aparello de aire acondicionado que permite a supervivencia ó seu arredor.”

Estas son algunhas medidas para a prevención dos incendios:

• “Ordenar o combustible. Podar as árbores e limpar de matogueiras o chan. Os restos combustibles poden amorearse, enterrarse ou aproveitarse en centrais térmicas de biomasa”
• Construír devasas para cortar o lume. Isto é: faixas de terreo sen vexetación. Dividen o monte en parcelas e adoitan coordinarse con ríos, estradas e pistas, de maneira que se facilita a defensa en conxunto.
• Establecer pasteiros, prados e monte baixo controlado por animais.
• Tratar de aproveitar o monte para alimentación de gando. Herbas e gomos de carballo, loureiro, castiñeiro, eucalipto, así como tamén toxo, xesta, brizo e silva”.

E aprendemos algo sobre as preferencias alimentares do gando:

• A cabra come silvas aínda que sexan grandes e vellas, gomos novos de toxo, brizos e gomos novos de carballo e castiñeiro. Non come fento nin brizos altos.
• O cabalo controla ben o toxo, incluso chegando a matalo, as xestas, as silvas e os fentos. Come pouco brizo alto.
• A ovella come ben os gomos novos de toxo e os brizos pequenos da especie Erica. O pastoreo con ovellas favorece a conversión do monte en prado, debido á forma de comer a herba a rente do chan.
• A vaca come os brizos pequenos, pero o exceso destes na alimentación prodúcelles carestía de cobalto. Non controla xestas, silvas nin fentos.
• Pódese pastorear, en primeiro lugar, con cabalos e cabras e, despois, con vacas e ovellas. Tamén as cabras e os cabalos poden usarse en pastizais sementados debaixo de repoboacións”.

César Moreira Pazos e José Eulogio Fontenla Somoza
CP de Tenorio
A Fotografía é de César Moreira

Aquí Marisol expresa a súa opinión sobre como tratar o monte queimado

“Despois de que un monte se queima deberíase repoboalo e traballalo como se fose unha terra de cultivo, pois os montes son unha grande riqueza se sabemos dispor deles”
“Para que a sociedade de mañá, os nosos fillos e netos, poidan ver árbores, temos que coidalos, ou en pouco tempo todo o planeta será un deserto no que non poderá vivir nin unha rata”

Marisol Rodríguez Búa
11 anos CP Outeiro. Barro.

E esta noticia fabulada para a televisión local que tristemente pode converterse en realidade, como aconteceu no dramático incendio de Guadalajara de xuño do 2005 no que morreron 11 persoas.

“A noticia máis importante do día é a do incendio que se produciu na bisbarra de Santiago. Pénsase que a causa foi unha fogueira que uns acampadores deixaron sen apagar. Unha grande extensión de terreo quedou sen árbores e os animais viron destruídos os seus lares”.

Zulema Fresco
8º EXB. Colexio San Francisco. Vilagarcía.

María José transmítenos o arrepío do lume na fraga con esta poesía:

Na foto, “A tía Lambida” de Eduardo Blanco Amor por Talía de Tenorio

O LUME DOS BOSQUES

O lume dos bosques
Que o home provoca,
Nin mares, nin fontes,
Salvan o que toca.

As bestas que foxen,
A anguria é moita,
Mais, quen é que pode
Gañar esta loita?

Piñeiros, carballos,
Cerne da madeira,
Finades calando,
Na morte certeira.

E nós, os culpables,
Os fillos do chan,
Tiramos adiante
Agochando a man,
Que de medo treme
Por lapas que van
Abrasando todo.
Onde pararán?

Coidemos os leiros,
Que é o que temos.
Se isto habemos
Deixar aos vindeiros,
Con soño e traballo
Dun pasado tempo,
Non sexa que fose
Que a era espacial
Matase os anceios.

María José Crespo Martínez
8º EGB. CP A Xunqueira. Pontevedra.

Maica eleva a crime de estado o delicto incendiario:

As árbores non teñen culpa
Que teñas mal corazón.
Cando queimas unha delas,
Quéima-la nosa nación.

Maica Neira Areses
7º Curso. CP Tenorio.

E agora, como se estivesemos nunha clase teórica de brigadista contraincendios estudamos os:

“Tipos de lumes:
Que clases hai de lumes forestais?
• Lumes de superficie. Son os que se estenden queimando o tapiz herbáceo ou as matogueiras. Este tipo de vexetación, ó acusar rapidamente a falta de humidade e arder con facilidade, resulta moi apropiado para a iniciación e propagación das lapas. Grande número de incendios son, nos seus comezos, incendios de superficie.
• Lumes de copas. Son os que avanzan consumindo as copas das árbores. Como a forza do vento é maior en altura, o lume de copas avanza máis rapidamente que o lume de superficie”.

Xosefa Ganzález Blanco
2º BUP IB Germán Ancochea. Pobra de Trives.

COPLAS
Es o maior ladrón que entras pola porta,
Mais, que sería de nós se non te tivesemos para preparar a horta.

Os que o lume usan
Para lle facer mal ao veciño,
Deben saber
Que o mal lles vén polo camiño.

Laura achéganos dúas historias. Unha historia real, na que describe como viviu unha rapaza un día de lume na súa aldea e que remata así:

“Aquel día todos estivemos alterados e, de noite, a xente vixiaba por se plantaba de novo. Téñovos que contar que pasamos medo e, dende entón, tamén hai medo ao verán”.

E outra imaxinada, que non ten perda. A esta cádralle o dito de: “Rogando e co mazo dando”.

“Historia fantástica.
Isto era unha aldea chamada Vilar de Santos, de sete casas arredor do monte. Un verán o monte comezou a arder sen máis. O lume estaba lonxe. Pero o incendio agrandouse e a xente non sabía que facer. Cando o lume se aproximou ás casas, todos carrexaban caldeiros de auga, pero non se daba feito: cada vez estaba máis cerca das casas.
O nome do lugar debíase a que había nel un santo milagreiro, de certo nome. Facía moitos milagres e escoitaba aos desgraciados.
Unha pobre muller foise para o santo, rezou e pediu que o santo mandase axuda.
As xentes andaban perdidas, sen dar conta do lume. E, entón, de súpeto, descargou unha forte chuvieira. O lume recuaba e a xente deu en bailar e cantar baixo a abundante auga que caía a cachón.
Dende entón teñen os montes rozados”.

Laura Inés Acuña Álvarez
8º EXB. CP Nosa Señora dos Remedios. Ponteareas.

María Jesús remata o seu relato, no que un coche que leva as siglas dun organismo oficial encargado da vixilancia contra os lumes, se afasta dun incendio que comeza, rematando con este retrouso algo lerchón:

“E se vostede non entende ren, compre un chupete, que lle ha de caer ben”.

María Jesús Ramírez Pérez
Caldelas de Tui.

Juan coméntanos, con riquísimo vocabulario, este uso do monte nun mato do seu pai:

“O monte xa foi dos seus avoengos. Alí, hai moito tempo segundo din, sementaban trigo, mais cando os meus avós o herdaron estaba cheo de toxos, fieitos, algún castiro e tamén uces, das que antigamente se queimaban as raíces para facer carbón vexetal. Alí aínda hai foias onde se facía”.

Juan Manuel Fernández Díaz
8º EXB. PP Franciscanos. Lugo.

O drama e o agoiro están servidos nas liñas que seguen:

“Un fume ameazante esténdese a un lado e outro erguendo o seu corpo gris ata confundirse coas nubes no horizonte. Corre un animal fuxindo da mortífera atmosfera. Solta berros abouxadores. Desencadéase a confusión da morte que o fogo representa, semellante á luz cuspida por espíritos malignos. Pensa no seu compañeiro teoricamente racional, que se considera superior, e maldice a súa existencia provocadora daquel desastre. Inconscientemente unhas veces e consciente as máis delas.
Mentres, vaga desesperado.
Treme de pavor e agarda que xurda un río no que poida mergullarse. Pero tamén sabe que a súa existencia non durará moito tempo máis, pois observa que o lume leva consigo árbores, cos árbores os ríos, cos ríos a natureza e o mundo. O seu rostro debuxa un panorama de po e area, no que sobre a terra se impón un reino de morte, de degradación e de deserto.
Laiaranse entón os causantes da desfeita e, sen remedio, desaparecerán vítimas da súa arrogancia”.

Ramón Cibreiros Álvarez
15 anos. IB O Couto. Ourense.

Reparemos en cómo unha cámara grava unha acción seguindo este guión:

“Alguén golpea diante da cámara unha táboa negra onde, garabateado con xiz se pode ler: “Escena 1, segunda toma”. E unha voz di: “Ródase, acción”.
Pola beira do mar, uns nenos corren chapoteando cos seus peciños brancos na auga. Levan sorrisos nos rostros e inundan o entorno de gargalladas. Un fío, na man dun deles, prende un papaventos, unha cometa grande e amarela que voa, sobe, baixa, sobe e baixa, baixa e sobe ao compás do seu temón feito de lazos de cores.
A cámara perde o intre da liberación da cometa máis logo vaina seguindo.
Un encadeado de imaxes do rabioso enxeño voador, mostran que xa non se atopa nas marxes dun mar azul, senón sobre outro mar. Un mar espeso, dun verde sólido e vivo. E é na espesura desa masa forestal onde a cometa naufraga: na pola dun enorme carballo, puro porte e señorío que a cámara percorre de vagar do pé ao tallo,… e ó cume, nun plano moi curto. Queda ben claro que non nos atopamos en fronte dunha árbore, estamos diante do Rei Carballo.
O bosque cala uns segundos. Córtase a respiración. Aumenta o a frecuencia e a intensidade do seu latexo.
Coma fondo, o duro son do agonizar da vida, o cruxir das xestas, o esforzo duns poucos homes e mulleres a quen a suor rega diante da ardente faena”.

Ana María Bande Cabido
4ºcurso. IBM O Couto. Ourense.

O gráfico de Soledad Argibay
Cluny. Vigo.

NOS INCENDIOS, RECORDA:

Un incendio apágase:
No primeiro minuto,
Cun vaso de auga,
No segundo minuto,
Cun caldeiro de auga,
No terceiro minuto,
Cunha tonelada de auga,
E a partir do cuarto minuto,
Faise o que se pode.

Manuel Gesteira Ozón e Juan Carlos Rey Sieiro
14 anos CP Tenorio.

Con fundamento lóxico e con solucións, exprésase Eduardo:

“O home é bo por natureza”.
Rousseau

“Se o home fose bo, non lle sería difícil sopesar as dúas cousas coas que está a xogar, o seu beneficio e a saúde do bosque, e daríase conta de que o realmente importante é o segundo. Ademais, se a sociedade é a que perverte e se esta está formada por homes, os que finalmente malean todo son os mesmos homes!
O home non é bo por natureza e, polo tanto, a persoa que prende lume nun monte móvese sempre por intereses. Non lle importa que a terra quede sen verdor. Os seus intereses son o primeiro.
Convén agora deterse nas actividades para solucionar e evitar o problema.
O feito de queimar os bosques nunca desaparecerá de todo. Sempre haberá alguén que continúe prendendo lume. Pero si que se pode diminuír drasticamente o número de incendios.
Para iso, e seguindo actitudes contrarias ás ideas de Rousseau, eu daríalle grande importancia a unha boa educación da xente.
Penso que o labor fundamental para conservar todo o que é noso, o que é de todos, é introducir na testa de cada persoa a idea de que o bosque é seu, tal como se fose outro obxecto comunitario: papeleiras, xardíns, colexios, hospitais,… que sabemos que son de todos.
Tamén levando a contra ás campañas dos grandes organismos oficiais, como o ICONA e os concellos, que normalmente limitan a deixar no aire unha frase moi bonita, pero mais nada. Se queremos educar á xente, temos, ó mesmo tempo, que convertela en ser activo e non pasivo. Que quere dicir isto? Pois que o fundamental nunha educación que tenta concienciar ó pobo do que é seu, é que ese pobo viva, sinta e participe do que lle pertence. Os organismos competentes non deben limitarse a dicir cousas coma: “Coida o teu bosque”, “Non prendas lume no monte”. … “O que deben facer é organizar marchas, convivencias, excursións ó monte e explicarlle á xente os segredos e a riqueza que as árbores é toda a vexetación agochan. Convidala a realizar tarefas coma plantar arbores ou coidalas, para que vexan canto custa mantelas e o importantes que son.
Ten que ser así, coa práctica, non con vacuos discursos que sempre resultan moi bonitos, preciosos, e quedan moi ben, pero son ineficaces a maioría das veces”.

Eduardo Cebreiros Álvarez
17 anos. INB O Couto. Ourense.

1986. O liño. A recuperación dun cultivo.
O liño inda perdura na memoria dos maiores. Nas casas das aldeas aínda se conservan apeos empregados para o tratamento desta fibra téxtil. E os apelidos e topónimos falan do seu cultivo.
Sobre o liño, en 1986 e nunhas follas cosidas con fío de liño, Ana María escribe:

“O liñofío é un tecido feito da estopa do liño, a cal, bañada en cinza ou sosa, se volve máis branca e se pode tecer.
O tecido de liño cru, é dicir, sen tratar con sosa, era moi apreciado para facer roupa de cama e prendas interiores para cativos e persoas doentes, xa que se lle supoñían propiedades curativas. Nin que dicir ten que o algodón e as novas fibras arrombaron case definitivamente o liño aínda que algúns teares de Galicia tezan o liño”.

“Vai para dous anos que na compaña de meus pais visitei unha casa de labranza no lugar de Costeira, parroquia de Mosende no concello de O Porriño. Aínda curaban, mallaban, espadelaban, cardaban, fiaban e tecían liño. Fun obsequiada cun rolete de fío e un anaco de lenzo que gardo e que fixo espertar en min o interese polo seu cultivo e polas súas utilidades”.

Ana María Moreira Filgueira
Vigo

Conclusión:

Arrolados agora, polo son grave e continuado que a auga produce no rodicio do muíño, que nos evoca canto no mundo se mantén inmutable, e estimulados ao mesmo tempo polo desenfreado ritmo do tarabelo que sobre a moa brinca, que nos insiste unha e outra vez na idea de que todo cambia e todo flúe, afincados cun pé na nosa historia, e tomando a seguridade precisa para avanzar adaptándonos aos cambios cotiás, descorre o Rodamuíño da Vida.
Vivimos, sentimos e aprendemos na escola do muíño. Mais vai sendo hora de que, deixando resoar no noso interior os seus antigos sons, saiamos ao recreo desta fariñenta e farturenta escola.

Andrés Martínez e Fermín Martínez