Non quere ser esta escolma, ou selección, unha escolla das moitas e moitas poesías que os amigos dos muíños escribiron e recitaron en festas e xuntanzas, que daría para un só libro, mais partindo da súa obra poética relacionada cos muíños e o patrimonio, coas viaxes, as experiencias e restauros, esta escolma entrecortada, a xeito de muiñeira, pretende reflectir o espírito que late neste colectivo desde o punto de vista poético. As súas inquedanzas, o seu compromiso coa terra e a auga, o seu espírito de amizade, as súas festas e os seus soños, son referencias obrigadas na súa poesía. Esta móvese na sutileza e forma das penas do rodicio, na procura da brancura da fariña, no desasosego da auga do río para darlle a vida a un mundo fanado e por música nos silencios vacuos das carballeiras. Así é a poesía dos amigos dos muíños, e así son os amigos dos muíños.
O rodicio ten penas, mais canta ao son da auga clara que vén sempre de arriba,baixa mainiña no decorrer das canles,e remuiña buscando un destino pretendido. O rodicio non anda na seca estival, descansa, acouga, e colle folgos para a longa invernía.
Os amigos dos muíños levan no seu ADN pingas de auga fresca impregnadas de amizade e fraternidade, en códigos xenéticos descifrables en moas, bailando ao son da gaita e pandeireta.
O RODICIO
O rodicio traballa no tempo perdido,
de sol a sol, de lúa a lúa,
deixando pingas de suor no río esvaído.
Os muíños son as capelas dos laios e sabencias, das festas e desasosegos, do amor e desamor, o refuxio das frustracións cotiás, das horas compartidas.
O rodicio é a súa alma, xira e xira mentres a auga ten forza, e cando non para. Pon o comezo no final e viceversa, é o camiño entre a terra e o ceo, entre a auga e o aire, entre o río e as nubes, entre…
Mais o rodicio non é nada sen ceo, non é nada sen sol, non é nada sen auga, non é nada sen canle.
O rodicio chama á porta da moeja ao ritmo e son que marca a quenlla, atrapa a auga que esvaece para darlle a liberdade; xira cando a auga quere, cando a colleita é boa, cando o millo se libera do carozo, cando o gran camiña só…
O rodicio está preso á mó mentres a sejorella viva, e roe e roe sen desmaio mentres o forno quente está á espera. É de carballo mollado en auga como as rodas do carro, e vive na carballeira morta para dar o pan da vida, unha volta e outra volta, e descobre a brancura oculta da fariña munda.
O rodicio róuballe á auga a súa alma, en penas e déixaa morta, desfeita, na escuma branca, polo río abaixo. Xira e xira transformando o centro en periferia liberada, ao ritmo de músicas e cantigas escritas en partituras molladas por augas claras, á sombra das carballeiras esquecidas, baila e baila muiñeiras sen parar, e a muiñeira baila no rodicio do amor perdido.
O rodicio é como os amigos dos muiños, acollen as súas penas nos saloucos das bágoas desbocadas e ponas en sitio manso, no leito do río camiño do mar aberto.
O taca taca, o run run, o chof chof son os cantos dos paxaros no muiño o canto da quenlla da moa, e do rodicio, son a sinfonía dos xoguetes de Mozart na terra de Breogán.André Vilas
Os amigos dos muíños son homes e mulleres, mozos e mozas, nenos e nenas, que sen ser muiñeiros están embadurnados da fariña munda.
Canto amor lle debemos
Ós nosos anceios.
E con estas festas,
Os mozarróns vellos,
Que aínda están conosco,
Coido que han de ollarse
Reflexadas nelas
Misturadas coelas
Pros que xa pasaron….
Os que aínda somos
Prácenos saber
Con tanta ilusión os honramos
Con canto lecer relembramos
Todo o ben que para nós deixaron…Xosé Fraga Iglesias
1998
Pola vida dun pan esquecido
Homes dun mundo están a loitar,
Por despertar un tempo durmido
Homes de raza traballan sen máisPor sacarlle a preguiza ao sono
Mulleres e homes axuda se dan
Por sentir o pasado presente
Homes e mulleres viven coma irmánsPuri García
1989
Es entonces que el molino
mudade sitio sus vueltas
y en corazones redondos
anda,canta,salta,y sueñaLázaro Caneiro
Os amigos dos muíños son santilbanquis ecoloxistas que se moven no rodicio do mundo desamparado.
O rodicio non quer vento
Grans de amor son os que el sente
Baixando pola quenlla arrente
coa auga en movemento.Manolo de Orzán
2007
Esa canción que é de todos
e que surxe da eterna
deuda que teñen os homes
coa vida e coa terra.Lázaro Canero
Poeta cubano
Chorando están os muíños,
Como non van chorar
Sen moas e sen rodicios
Xa non poden traballar.Cantiga Popular
Os amigos dos muiños misturan harmónicamente ó bater da auga co riscado da pandeireta, o chiar do rodicio cos laios da zanfoña, o bater da quenlla co repinicar do pandeiro…
E coa súa gaita
Nosos “Paseniños”
Esfarelan a cultura negra,
Espertan a cultura branca,
Misturándoa co son delicioso
Da galega gaita.Xosé Fraga
E danzaban todos xuntos
Ao compás da muiñeira
Despois de cear touciño
Chourizo e bolo
Ao redor dunha fogueira.Popular
Os amigos dos muíños son derbiches
que xiran amarrados á terra
por fíos de escuma branca,
música de gaita e zanfoña,
pandeireta e frauta ronca.André Vilas
2007
Os amigos dos muiños cobran a maquía en versos mollados, ao compás da quenlla e do rodicio.
Ven a auga do muíño
Como bicando as pedras
E nos seus abrazos do rodicio
Baila e canta a madeira.Lázaro Caneiro
Prateadas augas de montañas altas
Pelegrina sen pés sen ás
Lavandeira doce
Refaixo de fina escarcha
Dona do fiel muíño
Que mentres traballa canta.Manolo Sío
1985
Laten os corazóns a un tempo
Unidos pola mesma maxia
Dourados polo sol de outono
Bañados por limpas augas
Alegre coma o cuco sen niño
Pousados, coma a noite estrelada.Puri García
1990
O muíño vai andar
E será o orgullo da xente
Porque lle van a poñer
Unha roda de afiar.Avelino Rodriguez López
e Xesús Vázquez Galiño
Ourense
Os amigos dos muíños son restauradores de cinza nunha terra de sementes e brotes novos.
Chora meu muiño chora,
Que tes tazón a chorar
Os teus donos xa morreron
E os que veñen agora
Quérente abandonar.F. Vidal Novas
Agora xa non cantan as moas
Xa non baila o taravelo
Cubertos de silvas e de hedras
Agardan o derrubamento
Agora só escoitan a choiva
E a voz do rouco vento.J. Alfonsín
Certo que eras fermosa,
E non merecías morrer así,
Mais, implacable e destructora
Chega a man do home porfín
Non ten pena de naide,
Non sabe o que é sufrir
Non entende que se ti morres
Outros morrerán sen vivir.Puri García
1978
Esquecido no fondo dunha rega
Esborrállase o muíño fariñeiro
Tratado pola couza do farneiro
Na buxa, na peneira, na moega.Manuel Rodríguez
1989
Os amigos dos muíños levan pingas de brancura, amizade e fraternidade en códigos escritos nas pedras dos muros e das canles.
Do monte baixa un río,
Caladiño, caladiño,
E coa forza da auga
Facía andar o muiño.Pois aquelas catro pedras
Gardan un grande tesouro,
O pé, a capa, e a quenlla,
E o pau do pexadoiro.F. Vidal Novas
1988
A nostalxia vai dando tumbos
e convértese en centinela
e vai da auga ós ollos
como lavando unha espera
que no correr das augas
e no chocar das pedras
van a cantar os muíños
no seu xúbilo de rodas.Lázaro Caneira
Os amigos dos muíños son bos e xenerosos, pois saben moi ben que, “os muíños moen para todos”
Ó muíño de teu pai
eu ben lle sei o tempero:
cando está alto, baixalo;
cando está baixo, erguelo.O muíño do meu pai
non é muíño que é convento;
os casados para fóra
i os solteiros para dentro.Popular
Fixo a escolma André Vilas, muiñeiro sen maquía.







