As festas dos muíños

De 1984 a 1998
Enxeños de sabedoría, reflexos de mentes prácticas e ben integrados co seu entorno: os muíños.
Os artesáns fálannos por medio destas construcións de fontes inesgotables de enerxía, de harmonía e de coñecemento solidario.
Transmítennos ritmos de muiñeira tecnolóxica e mitoloxía; auras e inquedanzas das xentes que os construíron, das que os utilizaron para moer e tamén das que de mil xeitos acompañaron a quen o construía ou a quen moía.
Despois dos traballos de restauracións de cada ano, viñan días de recreación: cultural, xogo, arte, cociña xa que todo ten cabida. Agricultura ecolóxica, conservación da diversidade hortícola, apicultura, ecoloxía, etnografía, artesanía,…
Un día de festa ao estilo de sempre con agasallos e estímulos para a cativanza que presenta traballos escolares con temas que tratan da importancia dos muíños, do liño e o seu cultivo, os incendios e os seus devastadores efectos,…
Tamén hai mencións e un recordo as persoas destacan na defensa do legado histórico.
Vida amigable comunal en xornadas máxicas que nos marcaron.

A primeira xuntanza dos amigos dos muíños no ano 1984 sinalou o camiño para as demais xuntanzas. Foi familiar, espontánea e emotiva.
A colaboración xenerosa das familias do lugar, achegou a moita xente. O xantar compartido coma nas romarías ou nos traballos do maio.
Sempre está presente a idea de amor e gratitude aos devanceiros e o respecto ao legado material que nos deixaron que nos tratamos de infundir nos máis novos para que sexan quen de conservalos e transmitilos.

A segunda xuntanza, celébrase en Tenorio cunha programación cultural e informativa que precede á festa acerca de cultivo da horta e da viña, apicultura, conferencias impartidas por especialistas. E logo un sábado festivo de sonada participación veciñal aportando os seus saberes artesanais e artísticos, así como viandas, mesa, mantel para toda a xente que participou no evento, co que todo o mundo quedou moi ben servido. Este pobo destilaba no ano 1985 unha forte unión e harmonía.
A gratuidade nas comidas e nas actuacións musicais e artísticas era xa norma en tódalas xuntanzas como tamén a idea de concienciación na defensa do patrimonio rural legada polos nosos xenitores sempre nunha atmosfera de comuñón.

A terceira xuntanza celebrouse no ano 1986 no Lombo do Muíño en San Xurxo de Sacos o día 10 de maio.
As xentes dos lugares da Calva da Viña, Lombo do Muíño e Fontán que xunto cos propietarios do restaurado Muíño do Río argallaron un acto festivo de posta en funcionamento da construción restaurada.
Houbo exposición de apeiros de labranza e todo o relacionado cos traballos do liño, o seu cultivo e a súa transformación.
Despois degustación das especialidades do lugar acompañados por concertos musicais con músicos da bisbarra do Lérez.
Ver moer o muíño de novo, despois de tantos anos enche de ledicia a toda a concorrencia, pois, como dicía o Xosé Fraga Iglesias, “foi o muíño de auga o gran protagonista, o agasalleiro que nos dona a mancheas o celme do amor”.

A cuarta festa do muíño do ano 1987 celebrouse en Pozo Negro en Rebordelo, xa que neste pobo leváronse a cabo as restauracións máis importantes do colectivo dende coa axuda inestimable de Eladio Caramés Nogueira, un bo restaurador de muíños.
Esta cuarta edición tamén está adicada ao desexo de sementala ilusión dos escolares e os seus mestres asi como a xuventude en xeral, para que esperte o desexo dun resurdir ledicioso para a terra na que vivimos.
Destaca a fraternal axuda dos colectivos afins e grupos musicais que solidarizándose co evento aportaron a gratuidade as súas acatuacións, aportacións e concertos.
Por primeira vez nestas xuntanzas internacionalízase o acontecemento coa presencia do grupo LA-MI- RE de Monçao
recollendo a idea como posibilidade experimental no seu país.

A quinta edición da festa dos muíños do ano 1988, ten lugar en Lampaza (Reiriz de Veiga) o noroeste da Lagoa de Antela, onde o clectivo realizou un dos grandes labores na restauración do patrimonio etnográfico desde que comezou a súa andaina.
Hai experiencias únicas que non é doado pasar por alto como a deste pobo onde os veciños ao poñeren en funcionamento o seu forno comunal recén restaurado despois de moitos anos de inactividade.
Xunguida a fonda colaboración veciñal, sería decisiva para encher de colorido e beleza a festas dos muíños e arrecendos que inundan o pobo coas coceduras e demais cociñadas.
Tódalas viandas da festa foron expostas en carros do país, broas, empanadas, roscóns, mel, noces…, sabores orixinais difíciles de atopar hoxe en día.

Dende a Faxonca indicativo de terra fonda pideuse un respecto para animais e prantas víctimas da incomprensión do home, pesticidas, herbicidas, chuvias ácedas… Cómpre unha nova mentalidade e novos xeitos de vida en harmonía coa natureza sen agresións e sen odios.
Os animais, esas leccións caladas de haber nado, eses cantos permanentes á vida no alborexar do novo día. Nós tiñamos ese costume saudable, os cantos, os asubíos, nos traballos cotiáns, nas ceifas e nas regueifas, nas fontes e lavadeiros ou no fregar do cuarto. Se no futuro quixeramos recuperar esa ledicia de cantar e de dar gracias á vida pola oprtunidade de aprender e experimentar con toda seguridade teriamos que pasar pola conciencia calada dos animais e da natureza, esas eternas leccións de humildade.

A sexta edición da festa dos muíños celébrase no ano 1989 en Busnullán (Cebreiro) no val de Connavia zona da alta montaña luguesa.
Este encontro festivo – cultural entre as xentes da montaña e as da beiramar dou como resultado un empurrón máis por recoñecer e valorar a riqueza e a moita fartura que nos deixaron os nosos antergos. Alí compartírosonse intercambios culturais e artísticos entre as escolas de gaita de Vilafranca, Pasaniños de Lavadores, así como poetas e cantoautores populares sen esquencer ao Riveira de Louzarela, Eladio de Sabugos…
Tamén compartíronse as viandas destas comunidades e as levadas en exclusiva de beiramar e cociñadas polos especialistas Ramón Laxe e Luís Carballo Espiña.

A séptima festa dos muíños celébrase no ano 1990 en Alemaña, Alsheim, un xoves dezaseis de santiago, día apacible e de calor temperán.
A coordinación e a preocupación deste evento asi como o tremendo traballo estivo a cargo de Die Schwager-Gilde e o seu fundador Heinz F.E. Rust e os demais amigos. Grazas a esta xente que nos brindou moita paciencia e unha delicadeza esquisita, así como tamén o pobo en xeral, poidemos ollar por nós mesmos o fermoso traballo dos seus profesionais reflexados nos seus ben feitos restauros, respectando a referencia das construcións e a sabedoría popular.
Para estar en equidade cada un ten que respectar o seu e o pobo alemán teno moi craro. Este pobo, estes amigos, brindáronos unha man tendida ao descoñecido ao camiñante. Celebramos un canto á amizade, á solidariedade. O río da vida está abrangado polas dúas ourelas, non podía ser doutro xeito, xa que este acontecer estaba marcado numerolóxicamente pola perfección, harmonía e amizade.

A oitava edición da festa dos muíños celébrase no ano 1991 no Algarve en Portugal.
Os encargados do evento, así como da súa programación corre a cargo dos membros do colectivo DIE SCHWAGER-GIDE e a asociación de defensa do patrimonio cultural e ambiental ALMARGEM, levándo a coordinación JOACHIM LEHNE.
Nesta festa multicultural sobresae a mensaxe de convivencia, tolerancia de distintas culturas, linguas, formas de vida e pensar.
Puidemos contrastar nos proxectos do noso patrimonio rural comparándoos cos proxectos doutros países sobre todo no proxecto, Vale da Rémola,Querença, Loulé… que foron distinguidos en 1988 co premio á conservación da Natureza e do Patrimonio Histórico-Cultural.

A novena edición da festa dos muíños celébrase no ano 1992 en San Pedro de Parada en Cerdedo.
Este ano foi un encontro emotivo, un dos máis que celebramos nestes pobos, auspiciados polo matrimonio Purificación García Vila e Xosé Antón Rei Barreiro, así como as irmás do Val Gaiteiro.
Tivo unha crara mensaxe, a urxente recuperación e preservación do patrimonio vexetal.
É urxente preservar as sementes autóctonas, xa que forman parte do noso patrimonio. Somos os lexítimos donos, pois herdámolas dos nosos devanceiros. As nosas producen tódolos anos sen manipulacións xenéticas, só había que mudalas de lugar. Somos conscientes de que o pobo que preserve as súas sementes está preservando o seu futuro e evitando carencias e miserias. Sexamos conscientes en evitar a traxedia preservando e custodiando as sementes dos nosos devanceiros esixindo e creando un banco de sementes en cada bisbarra.
Destes pobos saíron recopilacións importantes do folclore galego, exposicións e mostras de artesanía, así como tamén amorosas ideas que correron polas veas dos amigos dos muíños.

A partires desta decimosegunda festa, cabe subliñar a festa celebrada no ano 1995, o 17 de xuño en Tameiga en Mos.

Esta festa foi unha gratitude e homenaxe as xentes deste pobo, aos seus artesáns e extensibles a todos os demais.
Celebramos a preocupación destas xentes por respectar o legado histórico dos nosos devanceiros coidando tamén a flora e fauna existente ao seu carón que tan gratificante é para as persoas sinxelas xunguidas no desexo de vida e harmonía.
Non debemos pasar por alto o falar do vello idioma do pan sen traer a colección o que o respecto o poeta Xosé Fraga Iglesias no poema adicado aos muíños manifesta:

Xa temos ao alcance das máns
un mundo ateigado de irmáns
onde o amor é amor de verdá
onde o pan e tan soio pan
é para todos iguais.