“O muíño moe para todos sen intencións”.
Di un proverbio que a máis longa camiñada comeza con un só paso. Vén a conto esta cita para narrar como un simple feito de restaurar unha fonte lavadoiro e máis tarde un muíño, poden ilusionar tanto ata xermolar nun colectivo que entre os anos 1984 e 1998 foi quen de levar a cabo un importante labor de restauración do noso patrimonio popular etnográfico de maneira gratuíta ao mesmo tempo que promovían actividades de carácter cultural chegando mesmo a intercambiar experiencias no estranxeiro: Alemaña, Portugal, Cuba, Bretaña…
Para entender o nacemento e obra do colectivo Amigos dos Muíños, temos que remontarnos ao comezo da década dos 80, e imaxinar a situación na que se atopaban moitas construcións da arquitectura popular, o seu estado de abandono e a desidia coa que se vía desaparecer esa parte do noso patrimonio. Neste contexto, un grupo de persoas toma conciencia da situación e decide recuperar unha fonte lavadoiro. Isto foi o xermolo.
Cómpre explicar que esta preocupación toma corpo nuns lugares nos que os traballos comunais e as axudas entre veciños eran cotiás.Con esta filosofía, desde as primeiras xuntanzas, póñense os alicerces das actuacións que se levarán a cabo ao longo do tempo e que deixaron unha fonda pegada na sociedade que sabe mirar ao seu interior.
É notorio que a nosa tarefa central foron as restauracións dese patrimonio e as festas asociadas a cada unha delas. Agora ben, nunca se esqueceu, e ademais foi primando parte das nosas actividades potenciando a recompilación de árbores froiteiras autóctonas, moitas delas en perigo de extinción, así como tamén as sementes tradicionais, a agricultura ecolóxica, a menciña e produtos naturais, que por extensión ían completando o abano de actuacións e enriquecendo globalmente un patrimonio tanto material como inmaterial, que se esfarelaba en anacos con síntomas de eliminación total.
colectivo, co seu traballo, actos culturais, charlas, conferencias, ían poñendo as pedras e reconstruíndo un edificio que chamaba á ruína, e as súas actuacións máis importantes danse a coñecer na presente obra.
Ano 1984: A fundación
A primeira xuntanza dos Amigos dos Muíños foi emotiva e sinxela, como gratitude a tanta xente que fixo realidade o patrimonio que temos en herdanza.
Comezan os seus primeiros traballos restaurando unha fonte lavadoiro e unha presa de rego en San Xurxo de Sacos.
No mes de xuño ten lugar unha visita guiada aos petrogl¡fos da Laxe da Portela da Cruz e máis aos da Laxe do Cuco en Biduedo, San Xurxo de Sacos. Nese mesmo día tamén se visita a igrexa románica de Santa María de Sacos e as augas termais á beira do Lérez.
día 2 de Xuño organizan unha festa popular no Lombo do Muíño que tivo que ser trasladada ao lugar de Barbeitos por razóns climatolóxicas. Esta sería a I Festa dos Muíños que incluía: Unha grande participación infantil, a colaboración dos veciños do lugar; música de agrupacións da bisbarra; obra de teatro para o público infantil e danzas populares.
Tamén un encontro de amizade co colectivo Trazantes de Tenorio con intercambio de ideas e experiencias e a recollida de temas populares e cantigas no lugar de Fentáns na parte máis norte de Cotobade. As persoas informantes son Orcesina Quinteiro Serrapio e Divina Pereiro Frieiro:
Cambiaches ouro por prata
ouro máis che valía
cambiáchesme a min por outra
eu a ti non cho facía.Carretera de San Xorxe
cando eu a paseaba
era de noite e chovía
pero eu non me mollaba.Esta noite fun ao muíño
certa meniña mais eu
ela non sabía nada
traballo foiche meu.
Ano 1985: Primeira andadura
No mes de febreiro preséntase o primeiro concurso de redacción para escolares co tema “Os muíños de auga en Galicia e o seu entorno”.
Deseño do anagrama que utilizará o colectivo no futuro, e máis do pergamiño de honra, obra do pintor vigués Secundino Diz Vázquez.
día 5 de xullo celébranse uns actos culturais no local social de Tenorio co tema central da apicultura e o mundo agrícola.
Interveñen como conferenciantes David de la Iglesia e Generoso del Valle Leal.
Nace a idea de preservar o patrimonio animal e vexetal, facendo fincapé na preservación das sementes autóctonas debido á súa perda progresiva e alarmante.
Proxéctanse no mesmo local social de Tenorio dous documentais etnográficos: “Os muíños de Auga” e “Arquitectura popular de Combarro”. Obras de Francisco Vidal Novas.
día 6 de Xullo celébrase a II Festa dos Muíños no claustro do Mosteiro de Tenorio. Neste marco incomparable de beleza e harmonía celébrase a festa, como unha ancestral romaxe. Coas seguintes actividades:
Visita aos petroglifos do Outeiriño e aos muíños do río Cabanelas.
Actuacións musicais e folclóricas.
Xantar compartido ofrecido polo pobo de Tenorio.
Obra de teatro.
Entrega de premios aos escolares gañadores do concurso de redacción deste ano.
Entrega dos pergamiños de honra aos máis comprometidos na defensa do patrimonio popular.
Danzas populares da bisbarra.
Preséntase á sociedade e aos medios de comunicación a necesidade dun mapa forestal de Galicia. O esbozo é obra de Xosé Fraga Iglesias, cofundador do colectivo Amigos dos Muíños.
Promóvese un programa de radiodifusión e radioensino sobre etnografía, tratándose extensamente a vida e cultura dos muíños; o director destes programas foi Luis Sanmartín Peleteiro.
Ano 1986: Apicultura, muíño e festa
A primeiros de ano preséntanse e distribúense as bases do segundo concurso de redacción para escolares. O tema “Historia e cultivo do liño, a súa artesanía e industrialización; os batáns”
Promóvese no mes de abril un curso innovador de apicultura e botánica apícola, cunha colmea transparente como xeito de achegarse ao traballo das abellas. O curso, de catro días de duración, é impartido polo apicultor David de la Iglesia Filgueira.
Faise este ano a primeira restauración dun muíño, o Muíño do Río no Lombo do Muíño en San Xurxo de Sacos. Coordina os traballos Carmen González Cubela.
día 10 de maio celébrase a III Festa dos Muíños á beira do muíño restaurado con:
participación e xantar popular, entrega de premios do concurso de redacción, exposición de trebellos de liño e de pezas de roupa artesanais a máis de música e danza.
Tivo ampla difusión nos medios de comunicación da festa e mais do traballo gañador do concurso sobre o liño de Ana María Moreira Filgueira, publicado por Benito Campos García no Faro de Vigo.
Presentación, en Combarro, do libro de prosa e poesía de XOSÉ FRAGA IGLESIAS, Falando Calado.
Ano 1987: Sementando futuro
A programación do ano comeza coa presentación no mes de xaneiro do concurso de traballos infantís, patrocinado polo colectivo Amigos dos Muíños co tema “Os incendios forestais e os e desastres ecolóxicos que fan. Solucións e medios para rematar con eles”.
No mes de febreiro encontro en Redondela co colectivo Paseniño, promovendo colaboracións conxuntas no eido musical e cultural.
Faise a catalogación de muíños en terras de Cotobade, comezando polas parroquias de San Xurxo de Sacos e Rebordelo.
No mes de maio faise entrega dunha remesa de libros de contido etnográfico e poético á biblioteca de Tenorio. Pedido feito polo seu bibliotecario o 13 de xaneiro do mesmo ano.
No local social de Tenorio charla coloquio sobre ecoloxía e medio ambiente impartida por D. José María Quinta Calviño.
día 14 de maio desenvólvese no local social de Tenorio unha actividade co tema de “apicultura, interese alimentario e polinización”, impartida por Generoso del Valle Leal. Agasállase con mel aos asistentes.
Proxección de dous documentais etnográficos no local social de Rebordelo en Cotobade. Temas: “Os muíños” e “Combarro Monumental”, obra de Francisco Vidal Novas.
día 16 de maio e con motivo da restauración de dous muíños en Pozo Negro en Rebordelo, ten lugar a IV Festa dos Muíños coa seguinte programación.
Excursións aos lugares de interese etnográfico da zona.
Entrega de premios aos rapaces gañadores do concurso de redacción.
Contacontos
Presenza de Portugal na festa a través da Agrupación Folclórica La-Mi-Re de Moçao.
Cantautores.
Música e danzas populares con xantar compartido.
O día 2 de xuño e 14 de decembro, teñen lugar conferencias no Colexio Público de Tenorio. Os temas son “Ecoloxía e conservación da natureza”. Os conferenciantes son un enxeñeiro técnico agrícola, profesor Montero e a bióloga da Consellería de Agricultura, doutora Torres. Distribuíronse agasallos entre os rapaces. A coordinación das conferencias estivo a cargo de Xosé Fraga Iglesias.
Charla coloquio no colexio Príncipe Felipe sobre “a preservación da vida e desastres ecolóxicos”. Organización a cargo de Alfredo Eslava Blanco. Imparte a charla Xosé Carballo Espiña.
Presentación do libro de Xavier Lores Rosal: Os muíños, no Muíño Vello de Redondela.
Organízase o I Magosto Popular en Portobarcia en San Pedro de Parada, Cerdedo, no local da antiga escola. O obxectivo é rescatar a cultura dos fiadeiros e ruadas.
Plantacións de árbores autóctonas na Carballeira do Pombal, iniciando aos máis novos na arte das plantacións e coidado das árbores.
Publicación da obra do gañador do concurso de redacción do ano anterior “Os incendios forestais en Galicia” do neno Julián Feijóo Regueiro.
21 de novembro comezan as restauracións en Lampaza, parroquia de Reiriz de Veiga en Ourense, en primeiro lugar dun forno comunal e posteriormente levaranse a cabo as de dous muíños na mesma parroquia.
Ano 1988: Restauracións, Entroido e Encontros no Camiño
Preséntase o concurso de redacción para escolares, co tema “Beneficios do aproveitamento de ríos, regatos, presas de rego e pequenas represas”
día 9 de xaneiro sae á luz unha proclama en defensa da arquitectura rural en Terra de Montes asinada por Xosé Fraga Iglesias, cofundador do colectivo.
día 15 de xaneiro ten lugar unha conferencia no Colexio Público de Campo Lameiro co tema “Ecoloxía e conservación da natureza” impartida pola bióloga da Consellería de Agricultura doutora Torres. Coordina a conferencia Xosé Fraga Iglesias.
día 13 de febreiro organízase un entroido en Portobarcia, Cerdedo, con ampla participación veciñal e degustación da gastronomía típica do lugar, así mesmo ten lugar unha recollida de receitas típicas do entroido.
En marzo, Secundino Diz Vázquez, resalta nos medios de comunicación os traballos de restauración que se están a levar a cabo en Lampaza.
No mes de xuño remátanse as restauracións de dous muíños, dúas fontes, un forno comunal e un pozo de rego en Lampaza.
día 11 de xuño celébrase a V Festa dos Muíños no pobo de Lampaza, coas seguintes actividades:
Cocedura de pan e lambetadas no forno restaurado.
Proxección de documentais.
Visitas guiadas á forxa da Blasinda, castelos e mosteiros da bisbarra.
Xantar compartido á sombra dos castiros da Faxonca.
Entrega de premios do concurso de redacción.
Xogos para os rapaces.
Entrega dos pergamiños de honra aos persoeiros da bisbarra máis destacados na defensa do patrimonio.
Música e danzas populares.
Nace: Encontros no Camiño co obxectivo de coñecer o patrimonio etnográfico. Este ano visita o Cebreiro e o Courel.
Xuntanza de Amigos dos Muíños co colectivo alemán Die Schwager Gilde, barallándose como proxecto facer unha festa dos muíños en Alemaña. Distribúense 100 caraveis entre os asistentes no muíño vello de Redondela.
Nova conferencia promovida polos Amigos dos Muíños no colexio Público de Tenorio co tema “Apicultura, insectos e polinización”. Imparte a conferencia D. Generoso del Valle Leal e coordínaa Xosé Fraga Iglesias.
Nace unha serie de 12 tomos de relatos manuscritos sobre Galicia e Amigos dos Muíños, obra de Heinz Fe Rust do colectivo alemán Die Schwager Gilde.
Ano 1989:Homenaxe a Seivane e festa no Cebreiro
Este ano comeza coa intención de facer mover as nosas inquedanzas ao norte e a o leste da comunidade galega. Ribeira de Piquín, nas ribeira do Eo e O Cebreiro que une dúas serras: a de O Courel e a de Os Ancares
día 24 de abril os colectivos Amigos dos Muíños, Paseniño e Trazantes de Tenorio organizan unha homenaxe ao artesán de gaitas Xosé Seivane Rivas. En Ribeira de Piquín, polos seus 50 anos de traballo. A súa neta, Susana debuta como gaiteira na homenaxe ao avó.
colectivo Amigos dos Muíños, no mes de marzo, colabora coa asociación Alborada de Caritel en actos culturais e concursos de redacción coa temática de “muíños” para os escolares da bisbarra de Pontecaldelas.
Restáurase neste ano e ponse en funcionamento o Muíño de Espinosa en San Xurxo de Sacos.
Encontros no Camiño. Este ano visita guiada ao Mosteiro de Samos en Lugo.
A VI Festa dos Muíños ten lugar en Busnullán en Pedrafita do Cebreiro, Lugo, cos actos:
Encontros no Cebreiro, descansando nas pallozas.
Sardiñada do día da festa e xantar compartido.
Pandeiretadas e desafíos.
Música e danzas populares.
Inaugúrase a restauración e posta en funcionamento do Muíño do Pego. Asisten á inauguración representantes do colectivo alemán que tiñan ao cargo a programación da festa en Alemaña co seguinte programa: Reparto de fariña entre os asistentes; Degustacións gastronómicas autóctonas; Música e danzas populares; Recital poético.
No mes de outubro mediante asesoría xurídica e co motivo dun encoro que se está a realizar augas abaixo, inícianse os trámites precisos ante á Administración para evitar o asolagamento do Muíño do Pego en San Pedro de Parada Cerdedo.
Comeza a restauración do Muíño do Pego, da súa tosta situada no propio río Lérez, así como dunha pequena praia fluvial.
Intercambio de información e experiencias coa Escola de Canteiros de Allariz.
Mensaxe en común con catro colectivos máis demandando a conservación do patrimonio material e inmaterial que temos en herdanza, así como tamén a conservación de sementes e protección de animais e plantas. Iníciase a campaña no Voceiro de Cotobade.
No mes de novembro unha xuntanza concerto en Redondela coa música da Pampa Arxentina e cantigas en Quechua. Concerto a cargo de Tito Ortiz e Víctor Velázquez.
Ano 1990: Salto a Alemaña; Festa do Viño
E neste ano poténciase a internacionalidade.
Heinz F. Rust do colectivo Schwager-Gilde presenta, no Muíño Vello de Redondela, a festa deste ano que se celebrará no mes de agosto en Alsheim, Alemaña.
No mes de maio ten lugar unha colaboración cultural e folclórica coas Xornadas do Muíño de Fausto en Coiro enCangas.
Catalóganse os muíños de San Pedro de Parada, municipio de Cerdedo, traballo feito por Xosé Antón Rei Barreiro.
Do día 13 ao 20 de Agosto lévase a cabo un percorrido por Alemaña co gallo da celebración en Alsheim da Festa dos Muíños. Os actos máis relevantes foron:
Visitas a museos e cidades alemás de interese etnográfico.
Visitas ás catedrais románicas de Speyer e Mainz.
Visitas á Festa do Viño.
Día 18 Festa dos Muíños en Alsheim.
Visita ó Museo dos muíños de Gifhorn.
Entrega de artesanía galega ao colectivo alemán, obras do artesán Gonzalo Caride.
Ampla difusión da visita na prensa alemá.
Faise entrega dunha escolma etnográfica galega ao colectivo Schwager-Gilde.
día 20 de outubro ten lugar un encontro no muíño de Cocolo en Santa Euxea de Lugo, co colectivo Tremiñado, vendo a posibilidade de aproveitamento de pequenos muíños que a parte de moer poidan xerar enerxía eléctrica.
Ano 1991:Portugal, Cuba, a televisión francesa e Ricardo Portela
No mes de xaneiro ten lugar a presentación da VIII Festa dos Muíños no Muíño Vello. Este ano, a festa será no Algarve portugués. Presenta a festa Joachim Lehne de Alemaña.
Unha representación de Amigos dos Muíños viaxa a Cuba nun intercambio cultural co ICAP cubano, establécense relacións con distintos estamentos públicos e privados, así como tamén con diversas entidades culturais.
VIII Festa dos Muíños no Algarve coa participación internacional de colaboradores alemáns, belgas, irlandeses e portugueses, nun abano de acontecementos como :
Música e danzas populares.
Exposicións de Carteis de muíños de auga de países como Alemaña Federal, Irlanda, Portugal e Galicia.
Intercambio cultural coa asociación ALMARGEM en defensa do patrimonio cultural e natural.
Visitas etnográficas aos muíños de auga de Palheiros e Paderne.
Visitas a Caves do viño do Porto.
Visita a quintas da Figueirinha e artesanato e agricultura en Lagoa.
colectivo Amigos dos Muíños colabora na elaboración dun documental producido pola T.V. Francesa incluíndo o guión, os muíños e a Ruta Xacobea do Camiño Vello Portugués ou Camiño da Raíña.
Xuntanza en Portobarcia en marzo co equipo da T.V. Francesa para a elaboración dun segundo documental coa colaboración de Ricardo Portela, na súa derradeira actuación.
No mes de agosto ten lugar en Cotobade a presentación de tres libros de prosa e poesía escritos polos fundadores de Amigos dos Muíños: Purificación García Vilas, Marina Touriño Troitiño e Xosé Fraga Iglesias coa presenza do colectivo Trazantes de Tenorio.
Ano 1992: O magosto, o liño e outras sementes
ano 1992 dedícase ás sementes, así reza na presentación da IX Festa dos Muíños que se ha celebrar este ano co seguinte lema: “O dente que come a semente non é bo dente”.
11 de abril celébrase unha xuntanza en Arbo cun percorrido polos lugares de interese etnográfico de Arbo e o veciño norte do Portugal.
No mes de xullo remátanse as obras das restauracións do Muíño da Ponte en San Pedro de Parada en Cerdedo, destacando a colaboración de Xosé Antón Rei Barreiro, Purificación García Vila, Ana e Mª Teresa do Val Gaiteiro. Celébrase a IX Festa dos Muíños.
No mes de agosto lévanse a cabo os seguintes eventos:
Mazado do liño na eira de Portobarcia.
Conferencia sobre primeiros auxilios e emerxencias vitais a cargo de Xoán Alfaya Carrera.
Charla coloquio sobre as abellas e os produtos derivados a cargo de Gerardo Vidal Fernández.
Taller de enxertos e poda na honra de Manuel de Sieiro e Alonso de Ventura.
No mes de setembro ten lugar unha recollida de sementes e herbas medicinais autóctonas.
Xuntanza de Amigos dos Muíños no Muíño da Ponte, recentemente restaurado. Teñen lugar os seguintes actos: Actuacións populares; Pandeireteiras, música de acordeón e o grupo de gaiteiros Treixadura; Xantar campestre compartido; Danzas populares; Recital poético de Manuel Sío Blanco e Purificación García Vila.
Agasallo de fariña a cada asistente.
A fundadora de Amigos dos Muíños Rosa María Castro Vázquez recibe o Primeiro Certificado CRAE de produción ecolóxica para Galicia.
No mes de novembro os Amigos dos Muíños celebran un magosto popular no lugar de Lampaza en Reiriz de Veiga.
Tamén neste mes faise unha visita ó Muíño de Goicoplaza, na casa principal de Etxeberría, que data do ano 1750. Este colectivo tivo a oportunidade de ver moer por derradeira vez o Muíño de Llodio, que quedou fóra de servizo despois de que as reformas na cidade o deixasen sen auga.
Durante este percorrido tiveron tamén lugar visitas guiadas aos lugares etnográficos máis relevantes de Guernica, Llodio, Durango, Laguardia e da Rioxa Alavesa. Contouse coa colaboración especial de Ana e Mª Teresa Do Val Gaiteiro.
Ano 1993: Árbores autóctonas, Mos, Serán
No mes de xaneiro preséntase a Festa dos Muíños deste ano, que se vai celebrar no Muíño Vello do Río Sobrado en Baredo en Baiona, e que vai levar o lema “O muíño moe para todos”.
No mes de febreiro faise unha plantación de árbores autóctonas na adecuación de As Pedriñas, facendo unha doazón de libros e vídeos para o seu local social. Celébrase unha xuntanza folclórico-gastronómica coa colaboración especial de José Antonio González Cerreda e Manuel Rodríguez Campo.
Trabállase na restauración do Muíño do Río Sobrado en en Baredo, así como tamén na do seu conxunto de canles de condución de auga. Estes traballos quedan rematados no mes de agosto.
No mes de setembro celébrase a X Festa dos Muíños no Río Sobrado co motivo da restauración feita, destacando: Xantar popular compartido; Música e danzas populares; Recital poético de Xosé Fraga Iglesias.
Como actividade de Encontros no Camiño faise unha visita guiada polo patrimonio arquitectónico de Vilafranca do Bierzo contando coa colaboración da escola de gaitas.
No mes de outubro ten lugar o concerto de Lázaro García Gil, fundador da nova trova cubana que fai unha doazón dun legado poético para os Amigos dos Muíños.
Serán no Muíño Vello coa participación do grupo tradicional galego Os Raparigos de Ferrol.
Ano 1994: Fontes, hórreos e pombais
Amplíase a restauración do patrimonio etnográfico a hórreos e pombais.
Restáuranse dous hórreos particulares como mostra didáctica e experimental. Un deles na parroquia de Parada de Cerdedo e outro na parroquia de San Xurxo de Sacos, Cotobade. Así como tamén un muro de finais do século XVII.
No mes de marzo inaugúrase a restauración dun pombal no Outeiro en San Xurxo de Sacos pombal que pola súa configuración podería ter sido de pombas mensaxeiras. Acompáñase a inauguración cos seguintes actos: Xantar campestre; Música popular; Recital poético; Plantación de árbores autóctonas.
Comezan os preparativos e permisos para a restauración do Muíño da Fonte Vella así como tamén unha fonte e unha poza de rego.
Serán de Outono en Terra de Montes e continúase coa recompilación de cantigas e bailes populares, intercambiando pugas para enxertado de patróns forestais autóctonos.
Visita guiada ao patrimonio arqueolóxico e arte rupestre en Campo Lameiro. Tamén se visita a menhir de Moraña.
Ano 1995: Concursos de redacción e agricultura ecolóxica
No mes de xaneiro preséntase o 5º Concurso de redacción para escolares co tema “O muíño e o seu entorno en Galicia”. Tamén se presenta neste mes a XII Festa dos Muíños deste ano, que terá lugar no Muíño da Fontevella en Tameiga de Mos.
No mes de febreiro prográmanse e lévanse a cabo unhas xornadas de agricultura ecolóxica con cultivos e tratamentos ecolóxicos, facéndose extensible á conservación dos froitos. Estas xornadas teñen lugar en San Xurxo de Sacos en Cotobade.
En xuño celébrase a Festa dos Muíños no Muíño da Fontevella, en Tameiga, Mos, co lema “Pola defensa do patrimonio popular”. Durante a festa celébranse os seguintes actos: Comezo da moenda; Visita aos lugares de interese artístico e cultural; Xantar popular; Entrega dos premios do concurso de redacción; Recital poético compartido cos poetas do val da Louriña; Música e danzas populares.
Continúase coa recompilación de sementes e pugas para o enxertado das árbores autóctonas en perigo de extinción, promovendo intercambios e renovacións das sementes.
Ano 1996: Reflexión
Este ano non se atopan nos arquivos actos culturais propios de relevancia. Soamente se atopa algunha colaboración con asociacións e colectivos afíns.
Agora ben, aparece unha recensión escrita que por motivos de interese transcribo, inspirada na filosofía do barco Terra do Schwager: Heiz F. Rust e da poetisa Purificación García Vila.
“A nosa razón e intuición recomenda un minuto cada dous dedicado á felicidade que se pode ir agrandando ata ser o centro e razón da vida. Instantes inmaculados de sintonía mental, apertura interna e comprensión externa con imaxinación sen medos e sen odios, mais sempre a favor do que nos une que do que nos separa. O colectivo Amigos dos Muíños foron testemuñas de tales instantes, sucesos únicos, percibindo un mundo distinto no ollar interior e que algún día sairá á luz ou está saíndo a traveso de moita xente. Haberá paz no Barco Terra porque apagaremos a guerra que levamos dentro. A gratuidade, amizade e fraternidade serán cotiás moeda de cambio. Trataremos a Terra como se merece con benevolencia e total respecto, como unha roseira que nos embarga co seu arrecendo ou como un aloumiño feito a un meniño ou unha meniña. Xa que con infinda paciencia, este Barco Terra ofértanos a oportunidade da felicidade da evolución e a aprendizaxe e unha fantástica viaxe arredor do amado Sol”.
Ano 1997: Libros e nova restauración
Cesión provisoria da simboloxía do colectivo á nacente Asociación Galega de Muiñoloxía no salón de actos do Museo do Pobo Galego en Santiago.
Colaboración coa asociación cultural Nuevas Luces como os “Encuentros con las Artes” na estación marítima de Vigo.
Colaboración na conservación da estrutura da moenda do muíño de vento de Stª María de Sacos en Cotobade.
Xosé Fraga Iglesias, cofundador de Amigos dos Muíños, publica na editorial Arcela o seu segundo libro de prosa e poesía Longa noite de Ferro.
Ramiro Barros Justo, asesor técnico do colectivo publica o seu libro Muíños das terras de Pontevedra. Un tratado rigoroso e amplamente documentado en tipoloxía, mecanismos, pezas e arquitectura popular do muíño.
Comezan os preparativos para a restauración do Muíño de Fiz Vergara Vilariño a instancias do colectivo Tremiñado na Lóuzara Xabreira no Courel.
Encontros no Camiño: Visita ao patrimonio artístico e monumental de Monforte de Lemos.
Teoría e práctica do enfornado, técnicas de moenda, peneirado, amasado, posta a punto do forno, referencias visuais e a cocedura en Portobarcia, Cerdedo.
Ano 1998: O Muíño de Fiz, poesía no Courel e fin das restauracións
Destacado labor de Ramiro Barros Justo contra o espolio arquitectónico de muíños vivendas.
Nace a revista Molinum. O seu director García Rueda Muñoz de San Pedro, excelente entusiasta da conservación do patrimonio arquitectónico e enxeños hidráulicos, estaba unido ao colectivo no intercambio de ideas e información.
Encontros no Camiño lévanos, esta vez, a un percorrido polo Courel e Lóuzara co colectivo Tremiñado.
Remátase a restauración do Muíño de Fiz Vergara Vilariño e coa súa posta en funcionamento remata o ciclo de dinamización da cultura popular e restauracións do patrimonio etnográfico que o colectivo Amigos dos Muíños levara a cabo ao longo de 15 anos de actividade. Este muíño foi un referente para nós, así como tamén o poeta que o inmortalizou; impresionounos esa enerxía de vida, tan vibrante, a súa auga finísima que sae da arteria da montaña. Nunca percibimos tan de cerca a Terra, coma un maxestoso, cálido e radiante ser vivo coa sensación real de formar parte dun todo.
Os nosos poetas así no lo suxerían como muíños de oración ían vertendo ao vento as súas mensaxes cheas de encanto e amor, con moito amor…
“Pola vida dun pan esquecido
homes do mundo están a loitar,
por espertar o tempo durmido
homes da raza traballan sen máis,
por sacarlle a preguiza ao sono
mulleres e homes axuda se dan,
por sentir o pasado presente
homes e mulleres viven como irmáns”.
Purificación García Vila
Ano 1999:Peche dun ciclo, ano sabático
Despois de quince anos de actividades culturais e traballos de restauración, comeza un ano festivo e sabático, 1999.
Festivo porque a sociedade móstrase moito máis receptiva que no ano 1984, xa demandan ás autoridades públicas e privadas que poñan remedio á desfeita patrimonial. A prensa dedica máis espazo á divulgación, tamén aparecen libros extraordinarios escritos por autores do colectivo; revistas, moitas delas que acaban de saír do prelo e con indubidable valor científico. Tamén cobra vida a Asociación Galega de Muiñoloxía, que ampliará o seu papel a eidos aos que o colectivo, pola súa forma de traballo, nunca podería acadar.
Chegada a fin do ciclo, o colectivo está nun momento de madurez e de cohesión; aprenderan moito xuntos sen anular a iniciativa interior de cada membro, compartiran tarefas e lecer pero tamén, chegado o momento, son conscientes de que os parámetros de evolución son iniciativas de cambio e renovación impresas na propia existencia.
traballo realizado deixou en todos e todas un pouso que nunca lles permitirá vivir apartados de todo aquilo que os fixo andar durante tanto tempo; agora os camiños son outros e cómpre emprendelos xuntos ou por separado, pero do que non cabe dúbida é que nos futuros campos morfoxenéticos quedarán igualmente impresos a xenerosidade, a amizade e a solidariedade alí onde teñan presenza os que foron membros do colectivo e tamén a certeza de que serán igualmente respectuosos co patrimonio en xeral, tamén o de nova adquisición ou o que lle tocou en herdanza, mais o tempo será testemuña do que levamos dito.
Pois a semente que non esmorece, xermola con máis forza e longa vida.
Epílogo
Este libro nunca sería unha realidade se non fose pola xuntanza de amigos fraternais que percibindo a vida como unha oportunidade de construír un mundo solidario, xuntaron os seus esforzos de colaboración imprimindo un novo paradigma no consciente e inconsciente colectivo. Deseñando un marco de entender a vida e o patrimonio, de respectalo e valoralo para transmitirllo ás xeracións vindeiras o máis doado posible.
Persoas que, en fraternal xuntanza, percibiron que a vida da a oportunidade de mellorar o mundo que recibimos e de construír unha terra solidaria. Pobo que en andaina amigable, que con mans, imaxinación e peto, en entrega sen reparos, foron quen de rescatar do abandono, pezas patrimoniais, para ser achegadas a quen nos suceda, e con elas o sentimento de que unha parte do que recibimos debe ser conservado e querido.
Entregar a quen nos suceda o que a nós nos foi legado, e nas mellores condicións, xunto con algo do que de bo en nós hai, moveunos.
Amigos que camiñaron sen medos e sen xenrreiras, pois grazas á súa imaxinación foron quen de rescatar do abandono e da destrución unha parte do noso patrimonio.
As premisas deste colectivo xa dende os seus comezos foron a amizade e a fraternidade.
“O dente que come a semente non é bo dente”
Tío Ramón de Sabexeira
Mos