Os Amigos dos Muíños na prensa

Corría o ano 1984; na Galiza e no noso concello, Cotobade, fervían as ansias de pór en valor a nosa cultura, o noso patrimonio material e inmaterial, as nosas tradicións… E posto que nos atopamos ante unha bisbarra rural, todo o seu potencial etnográfico, de costumes ancestrais e cunha paisaxe e xeitos de vivir naturais e en común-unión coa natureza, fan deste territorio un magnífico exemplo a divulgar.
Pero, a pesares disto, esta realidade permanecía escondida. Non tiña excesivo interese para os medios de comunicación do país.
Os políticos e as institucións non reparaban na necesidade de manter e conservar tamén estas mostras patrimoniais, mantidas polos nosos antergos ata facía pouco tempo.
A vida na aldea tamén estaba mudando. O asociacionismo tivo un grande pulo nestes anos: asociacións de veciños, de montes en man común, culturais (gaiteiros, bandas de música, grupos de baile tradicional, de teatro…), reivindicativas…
Asociacións ecoloxistas, naturalistas, de conservación do patrimonio, de exaltación da nosa cultura e das nosas tradicións comezaban a ter resonancia na sociedade civil. Non tanto na política, na prensa ou na Galicia oficialista.
Os medios de comunicación seguían a ver estas manifestacións como algo folclórico, sentimental, pero non como unha aspiración lexítima dunha sociedade moderna que quere recuperar o seu pasado, as súas tradicións e os seus espazos naturais.
Neste contexto nace o colectivo Amigos dos Muíños.
1984: a primeira festa
Nun primeiro momento, a prensa non presta demasiada atención ao labor deste colectivo e así no ano 1984 non atopamos nas hemerotecas referencias ao traballo do colectivo.
1985: A segunda festa
Neste ano podemos destacar un artigo de Xosé Fraga Iglesias no Faro de Vigo (13/07/1985) titulado “A Festa dos muíños de auga”.
1986
Vai ser con motivo da III Festa cando haberá unha verdadeira repercusión mediática. Así:
Faro de Vigo (9/05/1986) na súa Guía de fin de semana publica unha serie de artigos relacionados coa Festa dos Muíños dese ano e fai referencia a temas relacionados cos muíños.

1987: a cuarta festa
En referencia á Asociación Amigos dos Muíños o que tivo máis repercusión na prensa da época foron as Festas e os Concursos.
Anque da I FESTA DOS MUIÑOS (1984) no Lombo do Muiño en San Xurxo de Sacos non atopamos nas Hemerotecas referencias, sí atopamos diversos artigos sobor dos Muiños no comezo do ano 1985:

• ”OS MUIÑOS: ARMONÍA E FUNCIONALIDADE” de Xosé L. Lema en La Región de Ourense (24/03/1985).
• “OS MUIÑOS DE MAN” de Clodio González Pérez en La Voz de Galicia (12/6/1985).
• E os diversos artigos de investigación sobre “OS MUIÑOS” de Xavier Lores Rosal publicados en A Peneira ao longo do ano 1985. É curioso o subtítulo da 1ª entrega: “OS MUIÑOS: TEMA DE INVESTIGACIÓN I. Lembranzas dun anaco de vida que está a punto de fenecer”.

Da II FESTA DOS MUIÑOS (1985) en Tenorio – Cotobade, atopamos un artigo de Xosé Fraga Iglesias en Faro de Vigo (13/07/1985) titulado “A FESTA DOS MUIÑOS DE AUGA”. Nel fala da Festa en Tenorio e da importancia que tiñeron os muiños de auga.

Pero vai a ser de cara á III FESTA cando descubrimos unha importante repercusión, atopándonos, por exemplo, que no suplemento central de Faro de Vigo: “Guía para el fin de semana” (9/05/1986), adícanlle numerosos artigos á Festa dos Muiños.
“FESTA DOS MUIÑOS NA TERRA DO CAÑÓN DE PAU E DE CANTEIROS” de Guillermo Campos a toda páxina. Nel fala da importancia de recuperar os Muiños, da Festa deste ano e do concurso para escolares sobre o cultivo do Liño. Tamén inclúe un mapa cos Muiños de Cotobade.

Outro artigo nese suplemento é “A RUTA DE OUTRAS CONSIDERACIÓNS” de Benito Campos García. Que fala da Festa e da recuperación do Muiño de San Xurxo, así como da ruta para chegar e do seu entorno. Inclúe unha fotografía do muiño restaurado.
Na terceira páxina aparece un artigo sobre “AS POSIBILIDADES ECONÓMICAS DO LIÑO: HISTORIA E POSTOS DE TRABALLO”, relacionado co tema do concurso da Festa. Nel fálase da historia do liño en Galiza e da posibilidade de voltar ao seu cultivo.
Na cuarta páxina destacan tres artigos:

• “ETNOGRAFÍA” de Olimpio Liste, sobre os muiños de auga.
• “ARTE DE COTOBADE” de Antón Sobral, onde fai un percorrido pola arquitectura de Cotobade e os seus canteiros.
• “BANDAS E GAITAS” de X. Porto Matalobos no que fala das agrupacións de Cotobade e no que fai fincapé no gaiteiro Ricardo Portela de Viascón e na Banda de Música Xuvenil de Tenorio.
• Xa no ano 1987 atópanse referencias na prensa á Festa e ao Concurso, aparecendo xa unha referencia clara aos AMIGOS DOS MUIÑOS.

Así en A Nosa Terra de 29/01/1987 preséntase o Concurso sobre Os Incendios Forestais e a IV FESTA, explicando a importancia da conservación dos Muiños de Auga e en xeral do Patrimonio Rural legado polos nosos antergos: canastros, fornos, lareiras, fontes, árbores autóctonas…
Tamén en A Nosa Terra, no nº 316, se fan eco do fallo do Concurso así como dos membros do Xurado.
Tamén aparecen reseñas en A Peneira de abril de 1987 ao Concurso e á IV FESTA.
El Correo Gallego (10/05/1987) publica un artigo sobre o Concurso e Diario de Pontevedra (13/05/1987) explica noutro artigo os actos a desenrolar en torno á IV FESTA DOS MUIÑOS.
En xuño de 1987 diversos meios falan da presentación do libro “OS MUIÑOS” de Xavier Lores Rosal. E entre os asistentes á presentación mencionan a Xosé Carballo Espiña en representación da Asociación Amigos dos Muiños.
En Faro de Vigo (6/09/1987) aparece un artigo a dúas páxinas dando a nova de que “Amigos de Tui intentará recuperar os muiños do río Tripes”. Nel faise unha extensa disertación sobre a importancia que tiveron os muiños no rural, así como da importancia de conservar o Patrimonio. Tamén se di “Coñécese un intento, fai varios anos, por conservar estas características edificacións ás marxes do río converténdoas en tascas, como é o caso de Redondela, Sabarís e o de Caldas de Reis, onde diariamente se reúnen en tertulia homes da cultura e da política local. Festas de Irmandade foron a base de unión entre varios casos de muiños de auga reconvertidos en lugares de reunión ao redor dun vaso de viño da zona ou unha tapa para picar e continuar a conversación iniciada por algún grupo de parroquianos amigos”.
Casualidade, este ano a FESTA DOS MUIÑOS foi en Rebordelo en Cotobade onde existe un Muiño convertido tamén en tasca.
No remate do ano atopamos en Diario de Pontevedra (6/12/1987) un artigo a toda páxina: LA ARQUITECTURA RURAL DE LA TIERRA DE MONTES QUE SE PIERDE: ALGUNAS CUESTIONES SOBRE EL
CONJUNTO PONTE-MUIÑOS DE O SERRAPIO – CERDEDO” de J. Ángel Canabal Chamosa (Arquitecto), que plantexa a necesidade de conservar o patrimonio de O Serrapio: a ponte e os muiños, e avisa do perigo da súa desaparición.

1988: a quinta festa

Diversos meios do entorno de Vigo danlle importancia á V FESTA DOS MUIÑOS do Pobo de Lampaza no concello de Rairiz de Veiga e á figura do pintor Secundino Diz, entusiasta colaborador coa festa.
Manuel Espiña, na súa columna Outeiro do San Xusto, en La Voz de Galicia, fai unha semblanza dos Amigos dos Muiños e das cinco Festas dos Muiños. Ao remate do artigo, asegura que a defensa do patrimonio ecolóxico e cultural que fai esta Asociación fará que pasen á historia de Galicia como un movemento que, con sinxeleza, axuda a frear a desfeita da nosa Terra e amosa o verdadeiro espírito do pobo.
Na mesma páxina aparece un artigo titulado: “CHANO PIÑEIRO BUSCA ACCIONISTAS PARA FINANCIAR A PRIMEIRA LONGA METRAXE EN GALEGO”, o que nos dá a ver polos derroteiros que corría a cultura galega nese momento.
Tamén en Faro de Vigo (29/05/1988) atopamos un artigo de Isaac Otero: “DULCINEA NOS MUIÑOS DE GALICIA” onde fala da V FESTA, da importancia que tiveron os muiños de auga, da tradición e do folclore que os envolve e indirectamente plantexa o “quijotesco” da empresa de recuperación dos Muiños na actualidade. Nel destaca as figuras de Xosé Carballo Espiña e de Xavier Lores Rosal.
En A Nosa Terra (9/06/1988) dase conta do cartel da V FESTA e dos actos a celebrar en Lampaza.

En La Voz de Galicia (12/06/1988) asegúrase que “máis de mil persoas asisten á V Festa dos Muiños en Lampaza”. Explica os actos parándose na presenza do gaiteiro Ricardo Portela e os gaiteiros “Os Paseniños”. Tamén fala da entrevista a Xosé Carballo Espiña, na que explica o funcionamento da festa, o seu orzamento e os obxectivos da Asociación: homenaxear aos que souperon conservar o Patrimonio Popular, espertar o interés polo seu coidado e restauración e sensibilizar á xente para que sepa ver a sabiduría popular que se atopa nos Muiños de Auga.

No Diario de Galicia (14/06/1988) publícase un amplo reportaxe sobre a V FESTA, con fotos dun muiño e dunha aldea galega, recollendo o acontecido en Lampaza e explicando o espírito de Amigos dos Muiños, rematando dicindo: “Os Amigos dos Muiños festexan o remate de cada Restauro”, introducindo así un novo concepto na súa actividade.

En El Correo Gallego (18/06/1988) tamén se fai un percorrido pola Festa e pola historia da Asociación, acompañado do escudo da Asociación e o poema “O Muiño Fanado” de Manolo Sío.
Nesta época tamén sae publicado en Faro de Vigo (31/08/1988) un artigo de Antón Fraguas Fraguas sobre os batáns do Liño e as abellas, temas tamén tocados polos Amigos dos Muiños.
1989: a sexta festa es Basnullán
No ano 1989 diversos xornais se fan eco da VI FESTA DOS MUIÑOS en Busnullán – Pedradita do Cebreiro – Lugo. Danlle importancia ao “exótico” do lugar e da proposta. Inciden na importancia de restaurar e conservar neste entorno “puro”. Destacan tamén a presenza de Asturianos e Leoneses na Festa, e personaxes como o crego Xesús Mato, o Muiñeiro Maior: Xosé Carballo Espiña, os poetas Xosé Fraga, Purificación García e Manuel Rodríguez, os cantautores Delio da Limia, Paco de Xinzo e o trío asturiano “Nocheros de Avilés”. Así como os gaiteiros Os Paseniños e a Escola de Gaitas de Vilafranca.
En El Progreso (26/04/1989) faise referencia á homenaxe tributada por Amigos dos Muiños e o colectivo Paseniño ao artesán de gaitas Xosé Seivane en Ribeira de Piquín – Lugo.

OS AMIGOS DOS MUIÑOS NA PRENSA DOS ANOS 90
En agosto do 1990 os diarios xermanos relatan a estancia de Amigos dos Muiños en Alemaña.
O 25 de xaneiro de 1991 nos xornais de Cuba dase conta da chegada de Os amigos dos Muiños a Cuba e explica a súa filosofía.
Da IX Xuntanza dos muiños en Parada-Cerdedo saen referencias na prensa local de tabeirós-Terra de Montes.
Xa se fan habituais as referencias a restauros e a medidas de protección do patrimonio, xa non é unha empresa extraña.
As actividades en col da XII Festa en Tameiga-Mos tiveron bastante repercusión na prensa, sobre todo nos medios da área de Vigo, con fotografías e amplo seguimento do evento.
Xa en xuño do 1989 a Xuntanza no auditorio de Pontevedra ocuparía un lugar destacado nos xornais locais.
Toda esta actividade serviría de semente para outras moitas que se sucederían a partires destas datas.

OS AMIGOS DOS MUIÑOS E A VOZ DE COTOBADE.
Naceu o xornal LA VOZ DE COTOBADE no ano 1936, sendo o seu director Antonio Fraguas Fraguas de Loureiro-COTOBADE, o redactor-xefe Xaime Vidal Rey de Carballedo-COTOBADE e o administrador Xermán Pichel Bouzas de Viascón-COTOBADE. O día 12 de xullo de 1936 sae á rúa o Nº 1, seis días antes do golpe militar que desencadearía a Guerra Civil, o que explica que non tivese continuidade.
Presentábase como “ÓRGANO DEFENSOR DE LOS INTERESES DEL MUNICIPIO, SU COMARCA Y LIMÍTROFES”; Redactado en castelán, anque conta con algún artigo en galego, como o de D. Antonio Fraguas adicado aos canteiros de Cotobade.
Trataba temas como:

• editorial: “Aparecemos”.
• Unha entrevista co alcalde: D. Antonio Pousada, de “Xa.vi.rei”.
• orzamento municipal e a actividade do Concello.
• As sociedades Agrarias de “Escutario”.
• Crónica dalgunha parroquia de Cotobade.
• Crónica de Campolameiro.
• Movemento demográfico: nacementos, casamentos e defuncións.
• “Algo de nuestra historia”: sección fixa que pretendía continuar…
• Tamén contaba con publicidade.

Despois da Longa Noite de Pedra que supuso o réxime establecido despois da Guerra Incivil, e xa na Democracia, créase en Tenorio-COTOBADE unha Biblioteca Municipal, que tiven a honra de atender como encargado. Nela xuntaranse xoves interesados na historia de Cotobade e na súa divulgación. Entre as actividades que realizamos foron:

• Recolleita documental dos fondos do arquivo do Museo Provincial.
• Visita a lugares históricos como o castro A Cividade de San Xurxo…
• Reportaxes fotográficos.
• Creación da Asociación Xuvenil e Cultural “Escutarios”, nome que se lles dera aos antergos poboadores de Cotobade.
• Entrevista con persoeiros importantes na historia recente de Cotobade, como D. Antonio Fraguas.
• Recuperación do xornal “A VOZ DE COTOBADE”.

Nesta 2ª época sae co Nº 2, querendo ser unha continuidade daquel primeiro e único nº da 1ª época. Éste saíra o 12-7-36, era bisemanal e saía o segundo e o cuarto domingo de mes. O Nº 2 sae o 31-7-1988, 52 anos despois. Tamén será inicialmente quincenal e preséntase como o “VOCEIRO CULTURAL DA BISBARRA DO CANÓN DE PAU”. Redáctase en galego.

Trae unha presentación de D. Antonio Fraguas, falando daquel Nº 1, un Editorial, diversos artigos sobre Cotobade e a comarca, dúas viñetas de “O Carrabouxo” de Xosé Lois e a sección “Coñece o teu concello”.
Publicaríanse nesta 2ª etapa nove números, (ata o Nº 10), pasando a ser mensual dende o nº 5.

O colectivo AMIGOS DOS MUIÑOS colaborou coa Biblioteca de Tenorio na donación de fondos e na organización de actividades sobre apicultura e outras. Pero tivo un importante apoio á VOZ DE COTOBADE nº 8, cando a situación financieira da publicación non era todo o boa que desexaramos. Este número sería “un especial de Nadal” con catro páxinas máis da edición normal, e con colaboracións do colectivo sobre temas agrícolas (comercialización de produtos agrícolas de Purificación García Vila, …) do meio ambiente (“A herencia da Natureza” de Manolo Sío, “Querer a Cotobade” de Xosé Fraga Iglesias) e unha publicidade a meia páxina sobre conservación do Patrimonio do colectivo e doutros colectivos afíns.
Nos dous seguintes números seguiría habendo colaboración do colectivo, con artigos sobre os muiños e a homenaxe a Xosé Seivane, artesán de gaitas de Riberira de Piquín-Lugo.

OUTRAS PUBLICACIÓNS RELACIONADAS COS MUIÑOS.
• “OS MUIÑOS” de Javier Lores Rosal. 1987.
• “TÓDOLOS MUIÑOS DA TERRA GALEGA”. AGCE. 1990.
• “MUIÑOS DE RÍO NAS TERRAS DE PONTEVEDRA” de Ramiro Barros Justo. Editado polo Servizo de publicacións da Deputación Provincial de Pontevedra. 1997.
• “MUIÑOS NAS TERRAS DE REDONDELA” de Miguel Ángel Abraira. Editado polo Servizo de Publicacións da Deputación de Pontevedra. 2003.
• “MUIÑOS DE XABRIÑA” de Gonzalo Pagán Vázquez. Editado polo Servizo de Publicacións da Deputación de Pontevedra. 2003
• “MUIÑOS DO CONCELLO DE RIBADUMIA” de Xosé Manuel Moreira Docampo. Editado polo servizo de Publicacións da Deputación de Pontevedra. 2007.
• Tivemos nova que se está a facer un traballo por parte de Antón Pousada e Carlos Villegas dos Muiños de Marín.
• As publicacións discográficas de TREIXADURA:
• “UNHA NOITE NO MUIÑO”, “UNHA NOITE NON É NADA”…

Manuel Portas Espiña