A preocupación dos Amigos dos Muíños polo patrimonio etnográfico queda patente na multitude de restauracións levadas a cabo en todo o país. Pero o labor dos Amigos dos Muíños non se limitou á recuperación do patrimonio, seguindo esa máxima que di que non se pode amar aquilo que non se coñece, fixeron unha serie de actividades tendentes a mostrar e poñer en valor o noso rico patrimonio etnográfico e a forma de vida ligado a el.
Nace así Encontros no Camiño, como era de rigor, visitábanse muíños de diferentes tipoloxías tales como o Muíño do Río en San Xurxo de Sacos en Cotobade de 1910, o Muíño Klemmbach ou Muíño de Goikoplaza, anterior ao ano 1860.
Os mestres canteiros, á súa vez labregos, fálannos a través destas antigas construcións, non só da técnica construtiva, o aproveitamento máximo da auga dependendo do lugar, senón da vida arredor do muíño como folclore en cantigas e na muiñeira, da historia e da económica do lugar…
O que dicimos dos muíños é extensivo ao resto do patrimonio etnográfico, histórico e arqueolóxico, en moitos casos na mesma situación actual de abandono.
As presas dos muíños tamén se consideraban criadeiros naturais de troitas e de anguías, pois desovaban no inferno do muíño, espazo onde se atopa o rodicio, e as crías xa se alimentaban con residuos de fariña existentes polo trasfego da moenda.
Outras construcións obxecto de recuperación e estudo foron os fornos tanto particulares como comunais. Os fornos son o derradeiro elemento na elaboración do pan e tamén son unha mostra de sabedoría popular pois transfórmase a enerxía da biomasa en calor e as pedras do frontal do forno indican, polo cambio da súa cor, que o forno xa está quente para enfornar. A experiencia de botar esa bola quente ao leite acabado de muxir foi algo que nos retrotraeu a recendos e tempos esquecidos.
Son tamén de interese os lugares de encontro como as fontes e lavadoiros ou os fiadeiros importantes transmisores do noso cancioneiro popular.
Cómpre sinalar tamén as visitas a lugares de interese histórico e escultórico como son os templos románicos. Santa María de Sacos, e San Martiño de Rebordelo en Cotobade, Guizán en Mos. Destacar igualmente a basílica da Magdalena de Vezelay, Francia, na que hai esculpido un muíño místico que data do ano 1150 ou a Igrexa Parroquial de Hío en Cangas do Morrazo na que hai un canzorro que amosa un campesiño moendo con dous muíños de man.
Non podemos pasar por alto a visita aos petroglifos da Eira dos Mouros na castro da Cibidá en San Xurxo de Sacos, ou o castro do Torroso en Mos con importantes restos de sementes e muíños de man localizados. Petroglifos do Lombo da Costa a maior parte en San Xurxo de Sacos e parte deles en Santa María de Sacos en Cotobade.
Finalmente, con motivo da Festa dos Muíños celebrada en Lampaza, Rairiz de Veiga, visitáronse a forxa Benito da Blasina, a Carballa da Saínza, o mosteiro de Trandeiras e os castelos de Santa Ana e A Pena.
En Busnullán, onde se celebrou a VI edición en 1989 visitáronse a Ruta do Aceite en Quiroga e parte da Ruta Xacobea de Portomarín, o Mosteiro de Samos e as pallozas de Piornedo en Cervantes.
Estas iniciativas, dignas de encomio, permitiron recuperar e dar a coñecer o rico patrimonio, as costumes e as tradicións do noso país exemplos dun pasado distinto, o que fai máis importante o labor dos Amigos dos Muíños.
Sería importante, no futuro, catalogar todo o patrimonio etnográfico de Galiza, pois unha parte del xa desapareceu e outra corre grave risco.
Mais, cómpre ter esperanza, pois sempre quedan persoas con inquedanzas e preocupacións capaces de reverter a situación actual e de poñer en valor todo o potencial que conservamos no medio rural. Galiza non pode prescindir da súa riqueza.
San Xurxo de Sacos a 30 de xaneiro de 2009
Manuel Reboredo Tajes






