Presentación

Escudo

Estas notas son unha mostra do traballo de Amigos dos Muíños, que de maneira altruísta restauraron entre 1984 e 1998, unha parte do noso patrimonio que ameazaba con desaparecer.
Muíños, fontes, fornos comunais… foron o obxecto do seu interese tanto como fomentar a atención e a conciencia do valor do noso patrimonio material e inmaterial.

Carballo

Concursos de redacción entre escolares, mesas redondas, recitais poéticos e veladas musicais, foron os intrumentos utilizados nestas xeiras de concienciación e posta en valor do noso.

E todo isto co traballo solidario e desinteresado dun grupo de persoas que se foi ampliando no tempo e ao longo do país e que se reunían a unha simple chamada e facían o traballo xenerosa e colectivamente e sempre a cada traballo rematado seguía certa actividade gastronómica, lúdica, festiva na que non faltaba nin a música, nin a poesía, todo compartido solidariamente.

Inda máis, o seu facer se proxecta a outros lugares e a outros países establecendose contactos de traballo con grupos de Alemaña, Portugal ou Cuba que onde aparecían preocupacións semellantes.

Dúas palabras que definen o traballo do colectivo Amigos dos muíños: xenerosidade e solidariedade.

E se por unha banda, estas páxinas tentan recoller ese labor xeneroso e solidario, tamén quere ser unha homenaxe a tantas persoas que o fixeron posible. Algunhas relatan en primeira persoa a súa experiencia. Evidentemente non poden aparecer todas como nos gustaría, non só por ser numerosísimas senón polo temor a esquecer algunhas. Queda desde xa a homenaxe a esa multitude xenerosa que fixo realidade toda esta labor.
Hai unha persoa que foi o alicerce de todo este movemento, o rodicio que fixo funcionar ao grupo; rodicio e auga xa que foi quen de por na canle esa riada xenerosa conseguindo mover toda a maquinaria para un fin tan nobre sen cobrar maquía, sen máis recompensa que a satisfacción persoal: Pepe Carballo que tamén e quen de levar a iniciativa deste proxento que ollas agora.